Inicio

 

12-05-2014 Galisenior 2014 céntrase na detección precoz da dependencia 

  • >> Un total de 35 relatores participarán nas Xornadas Técnicas Profesionais 

    >> O programa dirixido aos maiores componse de máis de 80 actividades nas que destacan o lecer activo e as novas tecnoloxías

 
Impulsar a estimulación cognoscitiva e a detección precoz da dependencia como ferramentas fundamentais para acadar un envellecemento activo, autónomo e saudable. Sobre estes eixos xirará a novena edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará en Expourense os días 14 e 15 de maio convertida en punto de encontro entre todos os axentes sociais galegos, públicos e privados, vencellados co sector do maior.

A 9ª edición de Galisenior foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, a concelleira de Benestar Social do Concello de Ourense, Marga Martín, a directora de centro de maiores de Ourense da Fundación Novacaixagalicia, Carmen Bonet, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. 

De carácter bienal e contando co Selo de Internacionalidade a Efectos Aduaneiros, é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 23% da demografía galega, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. Este salón servirá de plataforma para promover as accións que se están a levar a cabo en Galicia, destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador. Galisenior xirará sobre tres eixos principais: a propia feira, as xornadas técnicas profesionais e o programa de actividades para público xeral nas que se prevé que participen milleiros de maiores procedentes de distintos puntos de Galicia.

A FEIRA

      Participarán en Galisenior un total de 59 expositores (un 7% máis que na edición de 2012), o 80% dos cales proceden de Galicia. Institucións como o Concello de Ourense, a través da Concellería de Benestar Social, aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlle ós maiores todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. Outras entidades como a Obra Social Novacaixagalicia, o IMSERSO, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría ou a Consellería de Traballo e Benestar, entre outras, organizarán distintas actividades ó tempo que contarán cun stand dende o que presentar os produtos e servizos asistenciais orientados a mellorar a calidade de vida dos maiores. 

A empresa terá un papel moi importante neste salón que acollerá dende provedores de produtos destinados a facerlle máis doada a vida cotiá ó maior ou que organizan actividades de lecer dirixidas á terceira idade, ata medios de comunicación especializados neste eido. Tamén terán presenza asociacións e colectivos de maiores de toda Galicia que contarán cun stand no que presentar as actividades que realizan ó longo do ano e que promoverán a participación dos seus asociados.

XORNADAS TÉCNICAS PROFESIONAIS

Galisenior organizará de xeito complementario ó salón unha nova edición das Xornadas Técnicas que estarán dirixidas a todos os profesionais do sector, a estudantes e ás persoas que traballan con este colectivo. Participarán un total de 35 relatores de España e Portugal. 

Centradas en temas como a detección precoz da dependencia ou a avaliación do deterioro cognoscitivo en Galicia, estas xornadas serán o foro elixido para presentar os últimos estudos realizados nas universidades galegas e no Norte de Portugal. A conferencia inaugural versará sobre a incapacitación das persoas maiores como medida de protección e estará impartida polo Fiscal xefe da Audiencia Provincial. Tamén se presentarán experiencias na promoción do envellecemento activo no medio rural, xa que a dispersión xeográfica en Galicia é un factor que inflúe á hora de prestar servizos a este colectivo.

A estas conferencias hai que engadir a organización de mesas de debate sobre o empoderamento social e o papel dos maiores na sociedade. Tamén se falará de termalismo social e o papel que xoga no envellecemento saudable dos seus usuarios. Estas xornadas serán o marco elixido para a presentación do 26º Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.


ACTIVIDADES PARA MAIORES

Na Área de participación, Galisenior presenta toda unha oferta, con máis de 80 actividades diferentes, que convidan a participar a quen o visite. O programa está orientado a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a introducir aos visitantes en novas fórmulas de lecer ou ampliar os seus coñecementos sobre novas tecnoloxías.

Estas actividades e obradoiros están centrados nas principais afeccións dos maiores de Galicia centradas na estimulación do corpo e da mente. Galisenior ofrécelles ademais a posibilidade de achegarse ás novas tecnoloxías e de compartir tempo e espazo con outras xeracións. A principal novidade desta edición será o Concurso de Cociña Saudable, aberto aos afeccionados maiores de 60 anos. Tamén se organizarán por primeira vez catas de viños, obradoiros de Mindfulness, de neurobic, atención psicolóxica, etc.

Varias das entidades integradas no Comité organizador do salón (Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Obra Social de Novacaixagalicia ou Cruz Vermella) van mobilizar aos usuarios dos servizos que prestan, como é o caso dos centros sociocomunitarios de Galicia ata Galisenior para participar activamente.
Os visitantes que se acheguen ata Galisenior en tren poderán beneficiarse de descontos do 30% en todas as liñas de RENFE (AVANT incluído), para iso é preciso descargar o bono dispoñible nesta web.

O horario da feira será venres e sábado de 11.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h. Tanto a entrada á feira como a participación nas actividades para maiores son gratuítas.




Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es