Inicio

 

15-05-2014 O papel do termalismo social no envellecemento saudable centra a segunda xornada de Galisenior

  • >> Maiores de toda Galicia participaron activamente promovendo a vellez como unha etapa da vida repleta de aspectos positivos

    >> Celebrouse un acto conmemorativo do 25º aniversario do Programa de Termalismo Social do IMSERSO no que a nosa comunidade xoga un papel destacado

A promoción da vellez como unha etapa da vida positiva e do envellecemento activo e saudable como fórmula para vivir máis e mellor. Isto foi o que demostraron os máis de 5.000 maiores procedentes das catro provincias galegas (a falta de contabilizar as últimas visitas desta tarde), que se achegaron estes dous días ata Galisenior e que participaron nas máis de 80 actividades organizadas para eles. As exhibicións de baile e ximnasia, as actividades de relaxación, os traballos manuais e as novas tecnoloxías foron algunhas das actividades que contaron con maior seguemento. Pero ademais da participación activa dos maiores, Galisenior 2014 abordou a situación actual dos maiores na sociedade a través das xornadas técnicas profesionais nas que participaron 35 relatores de España e Portugal e que foron seguidas os dous días por máis de 300 asistentes.

Esta segunda xornada estivo marcada pola visita de maiores dos centros sociocomunitarios de varios lugares de Ourense como Petín ou Celanova aos que se sumaron os maiores procedentes dos centros da Fundación Novacaixagalicia procedentes de Viveiro, Ferrol, Santiago, Vigo e Monforte que chegaron ata Expourense a pé logo de relaizar unha andaina dende o centro da cidade. Tamén visitaron o salón membros da Federación de Pensionistas e Xubilados da CC.OO. de toda Galicia.

No apartado máis profesional, Galisenior serviu de marco para o acto de celebración do 25º aniversario do programa de Termalismo Social do IMSERSO, no que Galicia con 19 balnearios asociados e o 10% das prazas encabeza a oferta española. Neste acto estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, e o xefe do servizo de tremalismo do IMSERSO, Julián Tejerizo. O termalismo social e o seu papel no envellecemento activo foi ademais o tema da mesa redonda que serviu para clausurar o programa de xornadas técnicas do salón.

Durante a xornada de hoxe tamén se celebraron outras dúas mesas sobre envellecemento activo, a primeira sobre os maiores que habitan no medio rural e a segunda presentou experiencias en Galicia e Portugal.

Entre as actividades previstas para esta tarde destacan o obradoiro de podoloxía xeriátrica e os de cociña nipona e saudable, ademais do encontro interxeracional de Mus.

Polo que se refire á área expositiva, Galisenior presentou a oferta en produtos e servizos dirixidos aos maiores de 60 expositores entre os que se atopaban dende empresas de equipamento ou centros residenciais ata empresas espcializadas en aforro enerxético ou medios de comunicación especializados. A presenza destes expositores confirma que a chamada terceira idade abre un novo mercado que presenta un amplo abano de oportunidades para as empresas.

Rematan así dous días que converteron a Ourense no centro da xerontoloxía estatal. A vindeira cita en Expourense será o 17 de xuño coa celebración das Xornadas de Divulgación das Enerxías Renovables.





Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es