Inicio

 

24-05-2016 GALISENIOR 2016 centrarase na prevención das situacións de fraxilidade nos maiores

  • >> O 10º Salón Internacional das Persoas Maiores se celebra dende mañá ata o xoves en Expourense

Ourense, 24/05/2016.- A prevención de situación de fraxilidade será o eixo sobre o que xire a 10ª edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará en Expourense o días 25 e 26 de maio. Esta cita volve contar co apio de todos os axentes sociais involucrados na mellora da calidade de vida e benestar deste importante segmento de poboación na nosa sociedade. Así tomarán parte as distintas Administracións, diferentes empresas do sector, a Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións de maiores de toda Galicia.

A 10ª edición de Galisenior foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense nun acto no que participaron a o Alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez Abad, a Concelleira de Asuntos Sociais e Sanidade do Concello de Ourense, Sofía Godoy, o Xefe Territorial da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, José Selas Souto, o Vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o Presidente do Comité asesor de Galisenior 2016 e Coordinador das Aulas de Maiores do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero, e Emma González, directora adxunta de Expourense. 

De carácter bienal, Galisenior é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 24% da demografía galega e o 31% no caso da provincia de Ourense. Este salón servirá de plataforma para promover as accións que se están a levar a cabo en Galicia, destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador. Galisenior xirará sobre tres eixos principais: a área expositiva, as xornadas técnicas profesionais e o programa de actividades para os propios maiores, nas que se prevé que participen activamente centos de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia e de Portugal.

 

A FEIRA
Participarán en Galisenior un total de 50 expositores. A nivel institucional estarán representados tanto o IMSERSO, como a Consellería de Política Social, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais. Todos aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlle ós maiores, as familias e ós profesionais que traballan con eles, todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. Outras entidades como colexios profesionais e asociacións, organizarán distintas actividades ó tempo que contarán cun stand dende o que presentar as súas finalidades, destinadas a mellorar a calidade de vida dos maiores especialmente cun enfoque preventivo.

Empresas provedoras de produtos e servizos especializados (apoios técnicos, oferta residencial, servicios sociosanitarios, psico-eduación, neurorehabilitación, balnearios e turismo senior, entre outros) completarán a exposición e realizarán tamén propostas prácticas para fomentar un avellantamento activo e saudable.

XORNADAS TÉCNICAS PROFESIONAIS

O comité asesor de Galisenior deseñou unha nova edición do programa das Xornadas Técnicas, que se desenvolverán de forma paralela á feira e estarán dirixidas a todos os profesionais do sector e a futuros traballadores con este colectivo cun alcance multidiscilplinar. Participarán cerca de 40 relatores de España e Portugal. 

Especializadas na prevención de situacións de fraxilidade nas persoas maiores, estas xornadas tocarán outros temas como a promoción da autonomía baseada nas novas tecnoloxías, experiencias na promoción do avellantamento activo e saudable, ou recomendacións nutricionais. Tamén se presentarán programas da Universidade destinados a terceira idade e estudos como resultado da investigación universitaria en distintos campus de Galicia e Norte de Portugal. O enfoque práctico será aportado por un obradoiro sobre movilización de persoas con problemas neurolóxicos.

ACTIVIDADES PARA MAIORES

Na Área de participación activa, Galisenior presenta toda unha oferta, con máis de 50 actividades diferentes, que convidan a participar a quen o visite, tanto as propias personas maiores coma as súas familias e aqueles que traballan con eles, tanto de xeito formal como informal. O programa está orientado a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a introducir aos visitantes en novas fórmulas de lecer activo ou ampliar os seus coñecementos sobre novas tecnoloxías de reforzar as súas habilidades sociais.

Entre as novidades destacan as actividades relacionadas coa planificación financiera, obradoiros prácticos de nutrición, ou terapias asistidas con animais. 

Estas actividades e obradoiros están centrados nas principais necesidades dos maiores de Galicia, dirixidas a estimulación física, cognitiva e sensorial. Igual que na pasada  edición este ano volverase a celebrar o Concurso de Cociña Saudable, aberto aos afeccionados maiores de 60 anos. 

Os visitantes que se acheguen ata Galisenior en tren poderán beneficiarse de descontos do 35% en todas as liñas de RENFE (AVANT incluído), para iso é preciso descargar o abono dispoñible na web www.galisenior.es.

O horario da feira será mércores 25 e o xoves 26 de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h. Tanto a entrada á feira como a participación nas actividades son gratuitas.
As Xornadas Técnicas requiren inscrición previa e son cofinanciadas pola Consellería de Economía e Industria a través da liña de “iniciativas abertas de difusión” do IGAPE.




Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2017 - info_galisenior@galisenior.es