Inicio

 

26-05-2016 A prevención cara a vellez centrou a segunda xornada de Galisenior

  • >> Maiores de toda Galicia participaron activamente nestes dous días promovendo a vellez como unha etapa da vida repleta de aspectos positivos

Ourense, 26/05/2016.-   A promoción da vellez como unha etapa da vida positiva e do envellecemento activo e saudable como fórmula para vivir máis e mellor. Isto foi o que demostraron ao redor de 5.000 visitas procedentes das catro provincias galegas que se achegaron estes dous días ata Galisenior e que participaron nas máis de 50 actividades organizadas. As exhibicións de baile e ximnasia, os obradoiros de relaxación, os traballos manuais e as novas tecnoloxías foron algunhas das actividades que contaron con maior seguemento. Pero ademais da participación activa, Galisenior 2016 abordou a situación actual dos maiores na sociedade a través das xornadas técnicas profesionais nas que participaron 40 relatores de España e Portugal e que foron seguidas os dous días por 250 asistentes.

Esta segunda xornada estivo marcada pola visita de maiores dos centros sociocomunitarios de varios lugares de Ourense como Petín, O Barco de Valdeorras ou Celanova. Tamén visitaron o salón membros da Federación de Pensionistas e Xubilados da CC.OO. de toda Galicia. Ademais esta mañá se entregaron as placas conmemorativas desta décima edición as entidades colaboradoras nas que estiveron presentes a Concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy, o Xefe Territorial da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, José Selas, así como o presidente do Comité Asesor de Galisenior, Alberto Vaquero, e outros membros do Comité Asesor de Galisenior. 

No apartado máis profesional, as Xornadas Técnicas Profesionais centráronse hoxe na prevención de situacións de fraxilidade e I+D+i nas persoas maiores. Tamén se falou de outros temas como experiencias na promoción do avellantamento activo e saudable, ou recomendacións nutricionais. Do mesmo xeito, numerosos profesionais presentaron diversos estudos como resultado da investigación universitaria en distintos campus de Galicia e do Norte de Portugal.

Polo que se refire á área expositiva, Galisenior presentou a oferta en produtos e servizos dirixidos aos maiores de 50 expositores entre os que se atopaban dende empresas de equipamento ou centros residenciais ata empresas especializadas en alimentación saudable ou medios de comunicación especializados. A presenza destes expositores confirma que a chamada terceira idade abre un novo mercado que presenta un amplo abano de oportunidades para as empresas.

Rematan así dous días que converteron a Ourense no centro da xerontoloxía estatal. A vindeira cita en Expourense será o 16 de xuño coa celebración das Xornadas de Divulgación das Enerxías Renovables.




Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2017 - info_galisenior@galisenior.es