Inicio

 

10-05-2018 Galisenior 2018 presentou as claves para vivir máis e mellor

  • >> Maiores de toda Galicia participaron activamente no salón transmitindo unha imaxe positiva da vellez

    >> As xornadas técnicas professionais foron seguidas por mais de 300 asistentes de Galicia e do Norte de Portugal

Ourense, 10/05/2018.- A vellez non é unha cuestión de idade, senon de actitude. Isto foi o que demostraron as máis de 3.500 visitas que durante dous días participaron activamente no programa do salón que presentaba máis de 50 opcións que promovían un envellecemento saudable e autónomo. Baile, deporte, pilates e risoterapia foron algunhas das actividades con maior seguemento e que contribuíron a proxectar unha imaxe positiva da vellez reivindicando ao mesmo tempo o papel activo dos maiores na sociedade.

Galisenior 2018 pecha esta tarde as portas da súa undécima edición convertida no punto de encontro de todos os axentes sociais vencellados o sector do maior. Administracións, empresas e profesionais presentaron nesta cita as ferramentas necesarias para garantir a calidade de vida dos maiores. Xa non abonda con vivir máis, o obxectivo é agora vivir mellor. Durante esta segunda xornada do salón recibiuse a visita de varias asociacións de maiores procedentes de distintos puntos de Galicia como A Coruña, Ferrol, Vigo, Bueu, Chantada, A Estrada ou Silleda, entre outras. Demóstrase así unha vez máis que o asociacionismo é un dos piares básicos para garantir un envellecemento activo e saudable. 

Vencellado con isto, a organización de Galisenior quixo agradecer esta mañá coa entrega dunha placa conmemorativa o labor das distintas asociacións que fixo posible unha edición máis do salón. Na entrega destas placas participou a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy; a xefa de servizo da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso; o codirector da Cátedra Cruz Vermella da USC, Manuel Mayán; o coordinador das Aulas de Maiores da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero; e o presidente da Confederación Galega de Maiores, COGAMA, José Piñeiro. Este último, aos 92 anos, e igual que ocorreu onte no acto inaugural con Elisa Soria (presidenta da Asociación de Maiores de Teléfonica), foi loubado neste acto por representar o espírito deste salón, xa que coordinou a participación de 50 dos seus asociados de toda Galicia nesta cita.

Ademais de COGAMA, tamén visitaron hoxe Galisenior a Federación de Pnesionistas de CC.OO. Galicia que combinaron a participación no salón cunha visita guiada á cidade de Ourense. 

No apartado máis profesional, as Xornadas Técnicas Profesionais, a Universidade de Vigo tamén presentou hoxe o seu Programa para Maiores, así como o proxecto europeo KIPAM ("Knowledge is power, age ain´t matter, "O coñecemento é poder, a idade non importa") de ensinanza universitaria para persoas maiores. Nesta mesma mesa participou tamén a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos que puxo en marcha unha experiencia interxeracional que conta co apoio da Fundación Amancio Ortega. O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña presentou tamén a aplicación clínica das súas investigacións e os seus programas de prevención da fraxilidade dos maiores. Tamén se falou entre outros temas do empobrecemento das persoas maiores e do fomento de hábitos saudables antienvellecemento. Estas xornadas foron seguidas entre os dous días por preto de 300 asistentes de Galicia e do Norte de Portugal.

No referente ás actividades de feira, destacou hoxe o obradoiro de risoterapia no que participaron un cento de maiores. Entre as actividades celebradas pola tarde destacou o encontro interxeracional de ludoterpia coordinado pola Deputación de Ourense coa colaboración do centro Cultural Xaquín Lorenzo, do Colexio de Educadores Sociais, de ATEGAl e da Universidade de Vigo. O obraoidro de actividades socioeducativas con cans e o obradoiro de musicoterapia xerontolóxica organizado polo Instituto Xerontolóxico de Galicia e a Cátedra cruz Roja da USC puxeron o broche final a esta edición.

A vindeira cita feiral de Expourense terá lugar a fin de semana do 26 e 27 de maio coa celebración da primeira edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria.




Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es